Situado no corazón da cidade, o Centro Gallego presta testemuña desde hai máis dun século da presenza galega na localidade.

Fundado o 22 de outubro de 1899, por un grupo de residentes de orixe galega con D. Antonio Paredes Rey á cabeza, socio fundador e primeiro presidente da entidade. Por aquel entón, o centro comeza a súa andaina con 79 socios de número e 11 socios protectores. No ano seguinte á súa fundación créase a “Escuela de Música”, enfocada á formación dun conxunto musical, corpo de baile e masa coral para o cultivo do folclore galego. Supón os primeiros inicios dunha extensa e fecunda actividade formativa e cultural.

No ano 1905 a sociedade adquiriu un amplo solar na Avenida Mitre, e logo de distintas ampliacións foi inaugurado o 8 de xaneiro de 1927. A súa sede social, construida no ano 1915 e remodelada en posteriores anos, é un edificio de tres plantas de sobrio estilo renacentista, ubicado na principal praza da cidade.

Conta con salón de festas e reunións, restaurante, bar, sala de xogos, biblioteca, sala de música e vídeo. A biblioteca (cuns 2.000 volúmenes) está especializada en literatura galega, e conta con exemplares de periódicos e revistas enviadas de Galicia. Alí pódese atopar toda a historia da entidade debidamente encadernada.

Tamén conta cun balneario e campo de recreo (Balneario de Quilmes) nunha superficie de 6.000 m2, no que celebran festivais e romarías.

En outubro de 2004 cumpríronse 105 anos da súa existencia, sendo o Centro Galego máis antigo de Arxentina.

Obtivo o recoñecemento da galeguidade o 29 de xaneiro de 1992, e na actualidade conta cun total de 779 socios, dos cales 373 son galegos. Manteñen un contacto fluído con todas as institucións locais e pertencen á Federación de Sociedades Españolas e á Unión de Asociaciones Gallegas de Argentina. Cabe suliñar tamén que o centro colabora coa Consejería Laboral de Asuntos Sociales da Embaixada de España e coa Oficina de atención de programas da Xunta de Galicia en Bos Aires en todos os plans de accións e axudas organizados polos gobernos Galego e Central.