Esta entidade naceu coa consigna fundamental de unir aqueles esforzos propagados dentro da Comunidade Galega, elaborando un proxecto común de crecemento, defendendo os valores e identidade de orixe.
Os obxectivos da institución son:
- A defensa da idiosincrasia galega.
- A ensinanza dos costumes e historia de España e Galicia.
- O cultivo do espírito da solidariedade e o traballo comunitario, como xeito de evolución da sociedade, sen deixar de lado a historia e o respecto por todo o que representa Arxentina, terra e pobo que acolleu a tantos milleiros de inmigrantes galegos.
Este conxunto valorativo xa primaba nas entidades que posibilitaron o nacemento do Centro Galicia pero a fusión deulle maior vitalidade para que tiveran vixencia no presente e fosen os fundamentos das novas xeracións, para que sigan os pasos herdados dos seus fundadores.
Dentro dos propósitos da entidade, cabe ter en conta a familia, como centro das actuacións, tanto no aspecto cultural como no deportivo e recreativo, tal e como a tradición galega e española lles foi inculcando, xeración tras xeración. Moitos dos integrantes dos grupos familiares asociados prestan un desinteresado esforzo, tanto en servizos como en tempo, para que esta asociación medre e explote as súas posibilidades. Só así se pode explicar o seu sólido desenvolvemento que lle permite contar cunha importante infraestrutura para albergar múltiples actividades.